NORMATIVA

4 de xullo de 2017

Presentación pública do proxecto de cooperación de turismo mariñeiro "Galicia Norte, mares de experiencias"

O GALP Golfo Ártabro Norte xunto co GALP A Mariña Ortegal están a impulsar un proxecto de cooperación interterritorial de turismo mariñeiro co obxecto de dinamizar a economía da costa norte de Galicia: "GALICIA NORTE, MARES DE EXPERIENCIAS"

O resultado desta colaboración será o desenvolvemento e a promoción de rutas e experiencias turísticas para a posta en valor do patrimonio natural e cultural dos 23 concellos nos que actúan, e que van dende o municipio coruñés de Paderne ata o lucence de Ribadeo.  En total, o proxecto levarase a cabo en dous territorios contiguos con características comúns e que contan cun rico patrimonio marítimo pesqueiro, cultural e natural moi relevante, que se estende ao longo de 384 quilómetros de costa, unha cuarta parte de toda a liña costeira galega.

A promoción dun único territorio sen fronteiras na costa máis septentrional de Galicia permitirá focalizar mellor os atractivos turísticos máis relevantes e favorecer estadías máis longas dos viaxeiros, o que permitirá un maior volume de ingresos para a poboación.

Baixo o nome "Galicia Norte, mares de experiencias", esta iniciativa pretende aproveitar o potencial da actividade pesqueira e mariñeira da zona, que representa o 8,8% do emprego nos concellos de A Mariña-Ortegal e o 3,3% dos pertencentes ao Golfo Ártabro Norte.

Para dar a coñecer este proxecto nos dous territorios, está prevista unha presentación pública no Auditorio da Casa da Cultura do Concello de Valdoviño o próximo xoves 6 de xullo ás 11 horas. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario