16 de novembro de 2017

Galicia Norte, Mares de Experiencias

GALICIA NORTE, MARES DE EXPERIENCIAS


Ana Veiga, participante no proxecto 'Galicia Norte, Mares de Experiencias'

“A raíz deste proxecto valoramos a posta en funcionamento dunha cetárea abandonada”

Natural de Cedeira, aos seus 41 anos Ana ten en mente a idea de apostar polo ámbito do turismo mariñeiro, aproveitando a súa formación como enxeñeira naval e oceánica e a súa experiencia no proxecto "Galicia Norte, Mares de Experiencias".

Conversamos con ela para coñecer as súas impresións.



Por que decidiu participar no proxecto "Galicia Norte, Mares de Experiencias"?
Actualmente estou en situación de desemprego, que aproveito para rematar o meu proxecto de fin de carreira en Enxeñaría Naval e Oceánica. Decidín participar neste proxecto porque me interesa atopar sinerxias coa miña formación e procurar desenvolver unha iniciativa relacionada co turismo mariñeiro que ao mesmo tempo me permita vivir en Cedeira.

Con que aspectos quedou máis satisfeita?
Quedei satisfeita con todo o proxecto en xeral, desde as sesións formativas nas que aprendimos a base necesaria para elaborar un plan de empresas, postas en valor, posibles colaboracións entre empresas, plans de marketing, ... ata a participación nas sesións experiencias. Por exemplo, tiven a oportunidade de descubrir Viveiro na última das probas piloto, unha vila que non coñecía en profundidade, e que teño pensado visitar en novas ocasións para explorar todos os atractivos que ofrece.

Valora a posta en marcha dalgunha iniciativa empresarial a raíz do proxecto?
En Cedeira, un grupo de persoas que participamos nas sesións formativas estamos avaliando unha posible iniciativa empresarial relacionada co turismo mariñeiro. Aínda é cedo para avanzar detalles, pero a nosa intención é poñer en funcionamento unha cetárea abandonada, establecendo cooperación con outra que hai nas proximidades. Estamos en fase de análise para ver que recursos serían necesarios e que colaboracións serían viables, entre outros factores; intentando enfocar o proxecto dun xeito que potencie a actividade marítima e turística da zona. De momento, vexo que todas as ferramentas que aprendemos nestas xornadas poden ser moi útiles para valorar as diferentes propostas que temos enriba da mesa.



Ningún comentario:

Publicar un comentario