NORMATIVA

19 de decembro de 2017

Presentación nos cines Duplex de Ferrol: Curtametraxes gañadoras do proxecto Vidas Mariñeiras

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, entidade que colabora na xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), está promovendo dentro das súas actividades de animación e divulgación 2017 un Programa de Formación en técnicas audiovisuais, VIDAS MARIÑEIRAS, co obxectivo de valorizar a zona litoral, mediante o impulso de iniciativas vencelladas á valorización do patrimonio, á cultura, ás tradicións....ligadas ao mundo e xentes do mar.

O programa «Vidas mariñeiras», coordinado polo Grupo de Acción Local Pesqueiro Ártabro Norte, promoveu durante estes últimos meses unha serie de actividades formativas no eido audiovisual destinado ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros de ensino dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

«Vidas mariñeiras» é un programa pedagóxico (apoiado e referenciado no traballo pioneiro desenvolto en Galicia por, entre outros, Cinema en curso) que ofrece ao alumnado de secundaria e bacharelato unha base teórico-práctica e unha formación en técnicas audiovisuais enfocada á posta en valor dos oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa do Golfo Ártabro Norte.

Durante o mes de setembro realizouse un concurso de ideas a través do que foron seleccionados 3 proxectos que serían os beneficiarios desta formación e acompañamento.

Como resultado deste proceso producíronse 3 curtametraxes realizadas polo alumnado do CPI A Xunqueira (Fene), CPI As Mirandas (Ares) e o IES Breamo (Pontedeume) que serán presentadas oficialmente nos Cines Duplex de Ferrol o xoves 21 de decembro de 2017 ás 20.15 horas

O programa contou cos docentes e cineastas Marcos Flórez e Xacio Baño baixo a coordinación do Laboratorio NUMAX.

Entre o río e o mar
Dirección: alumnado de 3º da ESO do IES Breamo, Pontedeume
Deixándose levar pola corrente do río Eume, alí onde se confunde coas augas do mar, esta peza demórase en conversas cos mariñeiros do porto e a singular paisaxe da desembocadura ao seu paso por Pontedeume.

De corazón, mariñeiro
Dirección: alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI A Xunqueira, Fene
A través das palabras de Vituco, da Estación Marítima Biolóxica de A Graña, mergullámonos na ría de Ferrol para coñecer algunhas das especies que a habitan, ao tempo que coñecemos o traballo que desenvolve o seu equipo científico.


Marea de mulleres
Dirección: alumnado de 4º da ESO do CPI As Mirandas, Ares
Retrato colectivo das mulleres de Ares que traballaban nas fábricas de salgadura da zona. A través delas sabemos do que era o seu oficio e as súas condicións laborais, pero tamén das súas lembranzas e arelas.


Duración total do programa: 60 minutos

Máis información: http://vidasmarineiras.gal/



Ningún comentario:

Publicar un comentario