20 de febreiro de 2018

Xornada Técnica Programa FEMP 2014-2020 na Casa do Pescador de Miño


O luns 19 de febreiro, a Casa do Pescador de Miño acolleu unha xornada técnica organizada polo equipo técnico, destinada a todas as persoas interesadas en presentar proxectos ao novo período de concesión de axudas.

O obxectivo desta xornada era darlles un asesoramento xeral e unha orientación á hora de cumprimentar as memorias das súas propostas, buscando a adaptación destas á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, para a súa presentación á nova convocatoria das axudas ao grupo de acción local de pesca, Golfo Ártabro Norte, do que remata o prazo para esta convocatoria 2018 o próximo 1 de marzo.

Esta actividade forma parte do período de programación comunitario do Fondo Europeo Marítimo de Pesca para o período 2014-2020. O obxectivo do GALP é o de liderar as accións para o fortalecemento do sector pesqueiro, buscando unha estabilidade sostible.

Agradecer a todas as persoas emprendedoras que participaron nesta xornada, agardando que poidan facer realidade a súa idea e/ou proxecto neste territorio a través destas axudas do Programa FEMP 2014-2020, contribuíndo ao fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación e a mobilidade laboral no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte.


16 de febreiro de 2018

Xornada Técnica: Asesoramento para presentación de solicitudes á Convocatoria de Axudas Programa FEMP 2014-2020 no ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Norte



O luns 19 de febreiro, na Casa do Pescador de Miño (Rúa Curro, nº33 – 15630 Miño), celebrarase unha xornada técnica co obxecto de apoiar a todas as persoas que queiran presentar unha solicitude de proxecto neste GALP, en canto aos trámites de presentación e elaboración de documentación.



O Programa de Axudas ten por obxecto financiar proxectos tanto de índole produtiva como non produtiva con fondos europeos do FEMP durante o período 2014-2020 coherentes co Plan Estratéxico elaborado para o ámbito territorial do GALP Golfo Ártabro Norte.

Esta xornada iniciarase ás 17.30 horas coa benvida a todas as persoas por parte de representantes do GALP Golfo Ártabro Norte, para a continuación iniciar a xornada técnica, onde se explicará polo miúdo como cumprimentar os diferentes formularios de solicitude de axudas, en especial o formulario da “memoria para a elaboración do Plan de Xestión” onde deberán incluír todos os datos do proxecto, tanto técnicos como económicos e o seu encaixe coa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP Golfo Ártabro Norte.

A actividade é gratuíta e está aberta a todas as persoas que teñan a idea de presentar un proxecto, nesta convocatoria 2018, da que remata o prazo de presentación de solicitudes o día 1 de marzo, sendo o único requisito para participar, anotarse previamente ben a través do enderezo electrónico galpgolfoartabronorte@gmail.com ou ben chamar aos teléfonos 981784417 ou 636 736 788 


Esta xornada técnica será exclusivamente de asesoramento e apoio, non de elaboración de ningún tipo de documentación a nivel particular, xa que os proxectos presentados posteriormente son analizados e avaliados polo propio equipo técnico do GALP, co obxecto de ser presentados ante a súa Xunta Directiva e posteriormente ser enviados á Consellería do Mar para a súa resolución final de concesión ou non concesión da axuda. 


6 de febreiro de 2018

Xornada de difusión axudas FEMP 2014-2020 no Concello de Fene


O martes 6 de febreiro estaremos en Fene dando a coñecer as axudas do FEMP das que xa está aberta a convocatoria 2018 para presentar solicitudes ata o 1 de marzo.

Será ás 18 horas na Casa da Cultura, que está dentro do Museo do Humor de Fene

Nesta reunión explicarase polo miúdo quen pode acceder a estas axudas, os requisitos que hai que cumprir, a tipoloxía de proxectos que se poden presentar, a intensidade das axudas que se poden recibir, os trámites a seguir e a documentación a presentar, e os prazos de presentación das mesmas, entre outros.